O Concello da Coruña paraliza o Museo da Automoción que Jove planeaba no parque de Bens

O Concello da Coruña paralizará o proxecto do Museo da Automoción que acordaran a Fundación Jorge Jove e o anterior goberno local do PP no parque de Bens. O alcalde, Xulio Ferreiro, anunciou na mañá deste luns a suspensión desta iniciativa polo que xa non se levará a cabo a modificación do Plan Xeral que se precisaba para levar a cabo esta infraestrutura.

parquebens

Acción reivindicativa no propio parque.

O proxecto implicaba a cesión de 107.000 metros cadrados de espazo público neste espazo verde á devandita Fundación e que iría acompañado de tres circuítos automobilísticos, de uso privado. O acordo fora anunciado o pasado mes de febreiro e provocou unha importante contestación veciñal, especialmente a través da plataforma Salvemos o parque de Bens, cuxos representantes se reuniron este luns co actual alcalde da Coruña. Foi despois desa xuntanza cando Xulio Ferreiro anunciou a paralización da iniciativa, unha decisión que, segundo o goberno local, non implica penalizacións á familia Jove.

“O parque debe dedicarse ao lecer e debe servir para que todos os veciños e veciñas gocen da natureza, xa que nesta cidade non imos sobrados de zonas verdes”, asegurou Ferreiro, que aclara que “o museo non se pode construír na localización proxectada”. “É un terreo rústico protexido e non é posible levantar ese edificio tal e como está presentado nas maquetas”, indicou. Ademais, o goberno local lembra que a posible moidificación que se faría do Plan Xeral sería para converter o parque de Bens en Zona Verde e aumenar así a súa protección.

“A xente ten que decatarse de que existe un gran valor que non estaba o suficientemente promocionado. Temos que levar a cabo diversas actuacións como poñer un bus que chegue directamente ao parque e darlle pulo a ese espazo para que a xente o visite”, insistiu o alcalde.

O goberno da Marea Atlántica coincide coa plataforma Salvemos o parque de Bens en rexeitar a instalación do museo nunha zona coma esta, aínda que non rexeita que se leve a cabo noutra localización dentro do municipio. Este proxecto, cuxo acordo explícito chegou hai tan só uns meses, xorde xa hai seis anos, cando o goberno municipal asinara coa Fundación Jorge Jove un convenio para a construción desta infraestrutura.

Ángel Jove, presidente da Fundación Jorge Jove, definira o Museo como “unha opción de ocio cultural familiar” e o ex alcalde Carlos Negreira falaba del como “un centro de referencia a nivel nacional e internacional” que convertería A Coruña “nun destino de primeiro nivel” e “nun centro de peregrinación para todos os amantes do motor”.

Salvemos o parque de Bens denunciara as intencións do anterior goberno local porque significaba “a práctica destrucción da contorna” ao ocupar o Museo “a totalidade da superficie útil deixar só libre aquelas zonas que debido ás características orográficas ocupan pendentes de difícil asentamento, ou aquelas outras cuxo subsolo corresponde ao antigo vertedeiro e se atopan en proceso de compactación”. “A influencia sobre o contorno, ao incorporar dentro do plan pistas de quads, motos e todoterreos que xerarán entre outros efectos contaminación acústica, converterase nun lastre para o seu futuro adecuamento”, dicía a plataforma, que denunciaba que Negreira lle regalase á familia Jove “un terreo que é de uso e goce dos coruñeses e que representa unha das poucas zonas verdes da cidade”.

A petición para a paralización do Museo da Automoción no parque de Bens logrou xuntar máis de 6.500 sinaturas na plataforma Change.org. Agora, o goberno detén a intención dun proxecto que pouco ten que ver coa intención inicial da zona verde onde se pretendía instalar.

Fonte: http://praza.gal