Panificadora

A Panificadora de Vigo é unha antiga fábrica de pan, fariñas e outros subprodutos da panificación, como pensos para animais e pastas alimenticias. Situada no barrio da Falperra, estivo en actividade produtiva entre 1924 e 1980.

pani

Nacemento: anos 20

A Panificadora foi deseñada polo arquitecto vigués Manuel Gómez Román (1924) e os enxeñeiros Werner e Buchi. A Compañía Viguesa de Panificación SA (constituída en 1920 por varios empresarios panadeiros) foi a propietaria.

A Panificadora supuxo unha decida aposta pola tecnoloxía e a economía de escala, pois ata ese momento a produción de pan en Vigo facíase en pequenas-medianas tafonas escasamente mecanizadas ou incluso no fogar.

O proxecto inicial marcábase un horizonte produtivo de 50tns. de pan diarias (moito máis do que consumía o conxunto da cidade naquel entón). Así pois a Panificadora contaba cunha frota de camións que distribuían pan e fariña por toda a provincia de Pontevedra.

paniii

Preme sobre a imaxe para desplegar o Panel da Panificadora

Madureza: dos 30 aos 70

En orixe a Panificadora só tiña unha sección de panificación automatizada. En 1930, buscando un novo pulo, o edificio principal foi ampliado en varios andares para acoller a sección de moenda. Isto obrigou a construír uns silos, e un almacén para os sacos de fariña e salvados na parte leste.

Os silos, figura senlleira da vista urbana do Vigo contemporáneo, construíronse en formigón armado por encofrado escorrente, e están comunicados co edificio principal por unha pasarela e un túnel. O almacén de sacos tamén ten unha característica solución técnica: unha cuberta inundable de formigón armado, que xunto a un sifón xigante, funcionaba como termorreguladora do almacén.

En 1962, na face oeste da Panificadora, cara á rúa Falperra, construíuse unha fábrica de pensos e locais para oficinas e comercios.panii

Peche e especulación: 1980

En 1980, trala morte do fundador da Panificadora e a quebra da sección de pensos animais en 1979, a Panificadora quebra, deixando sen emprego a 100 persoas. Para pagar as débedas da empresa, parte dos edificios da Panificadora son vendidos a empresas inmobiliarias.

Durante anos a parcela da Panificadora foi obxecto de especulación inmobiliaria. Ata fai ben pouco o Concello permitía a demolición deste importante elemento do noso Patrimonio Industrial para erixir no seu lugar grandes bloques de vivendas. Actualmente a presión popular conseguiu que o Concello comezase o proceso para impedir a especulación inmobiliaria, conservar a Panificadora e convertela nun equipamento público de Vigo, adicándoa a fins sociais e culturais.